Tuesday 21 de May de 2024

Sogama e Lipor analizan a posibilidade de presentar candidaturas conxuntas en materia de xestión de residuos ao programa POPTEC 2021-2027


 Os posibles proxectos estarían orientados, de forma prioritaria, a incrementar a reciclaxe e a descarbonizar os procesos industriais de ambas as dúas entidades

 As propostas e iniciativas enmarcaríanse no Plan de Acción de Economía Circular e no Pacto Verde Europeo, cuxo principal obxectivo é situar á Unión Europea no camiño cara a acadar a neutralidade climática de aquí a 2050

Sogama e a Asociación de Municipios para a Xestión Sustentable de Residuos do Grande Oporto (Lipor) analizan a posibilidade de presentar candidaturas conxuntas en materia de xestión de residuos ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Durante unha reunión celebrada en Oporto, a directora xeral da sociedade pública galega, Mirta Sueiro, e o director da asociación portuguesa, Fernando Leite, abordaron o contido dos posibles proxectos, que estarían orientados, de forma prioritaria, a incrementar a reciclaxe e a descarbonizar os procesos industriais de ambas as dúas entidades.

Nesa liña, as propostas e iniciativas enmarcaríanse no Plan de Acción de Economía Circular e no Pacto Verde Europeo, cuxo principal obxectivo é situar á Unión Europea no camiño cara a acadar a neutralidade climática en 2050.

Dado que a xestión dos residuos ten un peso transcendental na loita contra o cambio climático, esta colaboración encadraríase no obxectivo común de Sogama e Lipor de acadar un tratamento dos refugallos máis sostible e eficiente, e cunha maior proxección social, capaz de xerar máis emprego verde.

De feito, Sogama deu un importante paso nesa dirección ao poñer en marcha, no ano 2018, unha planta automatizada, que opera en liña coa industria 4.0, para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa, incrementando deste xeito a súa achega á reciclaxe. E, dentro dese compromiso de mellora continua, a innovación ocupa un lugar relevante, de aí o interese da empresa pública galega de que a I+D+i sexa unha prioridade na súa estratexia de 2023.

Cómpre lembrar que Sogama e Lipor xa colaboraron con anterioridade en proxectos europeos de xestión de residuos. Un dos últimos foi o Res2ValHum “Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”, que, enmarcado no Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, se centrou na promoción da compostaxe industrial como ferramenta de xestión de residuos orgánicos, poñendo en valor a utilización do compost resultante en aplicacións diversas, coa conseguinte redución da cantidade de refugallos depositados en vertedoiro.

Liderado pola Universidade do Minho (Portugal), ademais da participación de Sogama e Lipor, o proxecto contou co apoio doutros dous socios portugueses -o Centro para a Valorización de Residuos e Braval Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos- e outros dous galegos -Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Valorización Ambiental do Norte-.

A Asociación de Municipios para a Xestión Sustentable de Residuos do Grande Oporto (Lipor) xestiona os refugallos urbanos producidos polos oito municipios que a integran -Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde-. Anualmente, trata ao redor de 500.000 toneladas de residuos urbanos xerados por 1 millón de habitantes, e faino a través dun sistema integral baseado na reciclaxe e a compostaxe, complementado coa valorización enerxética da parte non reciclable, destinando a vertedoiro controlado a fracción de rexeitamentos.